PemÓn bouzas

pÁXina persoal

Site Search



Televisión

 

Eirado

En "Eirado" teñen cabida as artes plásticas, o espectáculo, o cine, as novas tecnoloxías, a literatura, a arquitectura, etc.

Pemón Bouzas é o encargado de conducir un programa cuxo nome pretende facer referencia a un lugar de encontro, xa que eirado é unha palabra que se refire ao lugar onde as xentes das aldeas se xuntaban a iso da atardecida para comentar as tarefas do día e tamén para celebrar festas. Así pois, o programa "Eirado" é un punto de encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas.

 

 

Ver Mais »

 

 

 

Historias de Compostela

Santiago de Compostela é unha cidade que agocha moitas historias, moitos pequenos segredos, que non o foron pero que co paso do tempo quedaron esquecidos. Santiago é unha cidade histórica e monumental cunha beleza e un patrimonio que a coloca entre as máis fermosas cidades do mundo.
Ser foco de espiritualidade de Occidente grazas á inventio, o descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago, e a rápida formación do primeiro núcleo urbano, o Locus Sancti Iacobi, así como a construción da catedral románica, aportou un movemento inxente de peregrinos que chegaron de toda Europa, por terra e por mar, que viñan atraídos pola devoción ao apóstolo e polo que hoxe chamaríamos "novas oportunidades de negocio", falo de construtores de catedrais, de igrexas e de mosteiros, carpinteiros, frades, cambistas, ilustradores, tradutores, especuladores e xentes de vida licenciosa, entre outros moitos.
Un paseo pola cidade actual, a cidade do século XXI, permite ver claramente en moitos casos ou albiscar noutros, boa parte do legado histórico e patrimonial que xeracións e xeracións de composteláns e de peregrinos foron deixando nas súas pedras.
Hai algúns anos realicei, con Victorino Lourido, unha serie de pezas documentais sobre diferentes partes da cidade para seren emitidas nos programas dos servizos informativos da TVG. Posteriormente foron compactados para dar como resultado unha especie de gran reportaxe documental sobre Compostela, documental que se poder ver na web da TVG ou a través desta ligazón.
Benvidos a Santiago de Compostela.

 

 

Ver Mais »

 

 

 

O camiño francés

No mes de setembro de 2004, en pleno Xacobeo, Victorino mais eu, co axudante de cámara Mati, fixemos o Camiño de Santiago por excelencia, o Camiño Francés. O 23 de outubro daquel ano O Camiño de Santiago ía recibir o Premio Príncipe de Asturias á Concordia e o noso traballo ía ser, e foi, elixido para emitir na TVG xusto despois da retransmisión de entrega do Premio en Oviedo.

Para tan longa viaxe na que as paradas eran o máis importante e as historias do camiño o noso obxectivo, fixemos unha importante preparación no tocante a esquema de traballo, documentación, produción e, incluso, fisicamente xa que sabíamos da dureza do mesmo tendo en conta as zonas gastronómicas e vitivinícolas que o Camiño Francés atravesa. Tiñamos que estar á altura das circunstancias.
Seguimos o mesmo esquema de Historias de Compostela, steadycam e planos secuencia, rematamos de escribir os guións nos hoteis e no coche, fixemos o traballo con entrega e dedicación e regresamos a casa con varios quilos de mais.
Grandes lembranzas dos pinchos en Pamplona e Logroño, dos pementos do piquillo, dos "cogollos" de Tudela, do rabo de touro de Sahagún, do cocido maragato de Castrillo de los Polvazares, do botillo de Molina Seca, da cecina do Bierzo, dos hovos con raxo, xamón e chourizo do Cebreiro… dos rioxas, ribeiras do Duero, Rueda, mencías do Bierzo… por poñer so algúns exemplos. Dígovos que non hai mellor xeito de traballar.
O resultado de tal desfeita foron os quilos que fun collendo segundo avanzaba o camiño.

 

 

 

Ver Mais »

 

 

 

O paso do noroeste

O documental “O paso do noroeste. Tenente de Navío Xacinto Caamaño” conta a viaxe que o mariño galego fixo a finais do século XVIII na procura ou desestimación da existencia do Paso do Noroeste, un paso mítico do que falaban lendas e bitácoras apócrifas de mariños españois de séculos precedentes. Neses supostos diarios falábase da existencia dun paso navegable que uniría os océanos Atlántico e Pacífico e que situaban no territorio da actual Canadá.

O mariño galego partíu do porto mexicano de San Blas coa obriga de explorar e cartografar a costa noroeste do continente americano dende a badía de Bucarely ata a desembocadura do río Columbia, territorios que se corresponden con Alaska e a provincia da Columbia Británica do Canadá. A outra parte da misión fora encargada ao sí coñecido mariño Alexandro Malaspina.

Grazas a que os mariños españois e galegos foron pioneiros na navegación polas costas antes mentadas, chegaron antes que o coñecido mariño iglés James Cook, existen máis de mil topónimos con nomes casteláns e galegos na costa noroeste americana bañada polo océano Pacífico.

O documental foi escrito e dirixido por Pemón Bouzas con imaxes de Victorino Lourido e realizado nas costas por onde navegaron hai máis de douscentos anos os mariños galegos na última época dos grandes veleiros.

 

 

 

Ver Mais »

 

 

 

Un mar de velas

Este documental retrata aos homes e mulleres que, dende as distintas asociacións agrupadas na Federación Marítima pola Cultura Marítima e Fluvial, defenden e se preocupan por manter vivo unha parte do patrimonio galego, as embarcacións tradicionais, as dornas, as gamelas, as traiñas, os galeóns, etc. O documental aproveita a presenza de moitas destas embarcacións nos Encontros que tiveron lugar no verán de 2007 en Ferrol.

Un mar de velas foi dirixido por Pemón Bouzas, con Victorino Lourido na imaxe e con guión de Pemón Bouzas e Xosé A. Domelo.

 

 

 

Ver Mais »

 

 

 

Encrucilladas

Un dos elementos patrimoniais máis característicos da paisaxe galega son os cruceiros, xa Castelao lles dedicara un gran libro titulado “As cruces de pedra na Galiza” publicado en 1950.

Encrucilladas é un documental no que se analizan os cruceiros pero que vai máis ala do seu valor arquitectónico e artístico, tratando aspectos que os relacionan con elementos da cultura popular como lendas, tradicións e rituais.

Encrucilladas foi dirixido e guionizado por Pemón Bouzas e con imaxe de Victorino Lourido.

 

 

 

Ver Mais »

 

 

Paixón polo mar

Cada catro anos ten lugar na cidade bretoa de Brest unha festa marítima na que se dan cita embarcacións tradicionais de todo o mundo. No ano 2008 Galicia foi unha das catro invitadas de honra xunto a países de gran tradición mariñeira como Irlanda, Noruega e Croacia. Alí se deron cita preto de tres mil embarcacións tradicionais, a gran maioría de madeira e a vela, co que as embarcacións galegas tiveron oportunidade de navegar pola rada de Brest carón de grandes veleiros de dous, tres e catro mastros, xunto a barcos de Tailandia, Xapón, Francia, Italia, Estados Unidos, etc... e aos dos países antes mencionados.

O documental Paixón polo mar aproveitou esa oportunidade e reflicte esa presenza de embarcacións e de mariñeiros galegos na festa marítima máis importante do mundo.

Paixón polo mar é un documental dirixido por Pemón Bouzas, con Victorino Lourido como responsable da imaxe e con Xosé A. Domelo como guionista con Pemón Bouzas.

 

 

 

Ver Mais »

 

 


Televisión