II North American Symposium of Galician Studies – University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional 3: Historia e tradición

Se facemos caso da segunda acepción do termo “cultura” no dicionario Xerais: “Conxunto de tradicións e formas de vida dun pobo, dunha sociedade ou de toda a humanidade”, teño medo de que a tendencia sexa uniformista e globalízante sen que se tomen medidas para frear ou reconducir o patrimonio intanxible do noso pobo adaptando a súa narración e pervivencia ás novas canles, aos novos tempos á sociedade actual e facendo un esforzo para que o ensino se converta no que foi a tradición oral ao longo dos séculos.

Para Castealo “A nosa tradición revélase no idioma, no espírito, na cultura, no arte, no xeito de vivir e de pensar, no sentido trascendente da vida e da morte, no afán de universalidade e de particularidade, na identificación amorosa coa terra, na predisposición á poesía… A tradición é todo aquilo que endexamais nos traizoará”. No mundo globalizado no que estamos empezando a vivir, a tradición, como patrimonio intanxible que é, debe ser protexida; e dende o meu entender, esa protección pasa por incorporar eses elementos que forman parte do noso pasado inmaterial ás canles, ás estruturas, dos novos medios, para que se constitúan en novos alicerces do pasado de cara ao futuro, neste caso do futuro do pobo galego como tal.

Con Cristina Moreiras (Univ. Michigan), antes de cear

Con Cristina Moreiras (Univ. Michigan), antes de cear

Dende o punto de vista da creación literaria, defendín, defendo e defenderei, a liberdade de cada creador á hora de decidir qué escribir. Non é doado, porque moitas veces pesa máis a sociedade á que pertencemos, supostas débedas históricas, supostos compromisos sociais, ideolóxicos, relixiosos, suxestións editoriais sobre temas de moda” que “venden”, que se mostran como pesadas ancoras lastrando o potencial creativo do autor ou da autora.   Sobre este tema Manuel María, a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas dicía nunha conversa con Xosé Manuel del Caño en 1990 “A literatura galega compre explicala e entendela dende unha óptica propia e non como un apéndice da española ou un subproduto de escolas e de modas… Se a nosa cultura no se explica dende a realidade socio-político-cultural do noso país, non se entende absolutamente nada”. Manuel María tamén dicía: “O escritor debe, ante todo, escribir ben… pero o escritor galego debe escribir, en principio, para os galegos e coa mentalidade posta no seu país e non en Madrid”.

 

Con Obdulia Castro (Regis University - Denver CO)

Con Obdulia Castro (Regis University – Denver CO)

A riqueza dun pobo apóiase na súa historia e na súa tradición. Nos feitos acaecidos no seu territorio xeográfico ao longo dos séculos, no caso galego o xeito de afrontar a vida por parte dos pobos primixenios, os prehistóricos e a partires de aí, a chegada  por terra ou por mar de celtas, fenicios, gregos, romanos, suevos, árabes, todos coas súas pegadas culturais,  ás que dende a Idade Media hai que incorporar as chegadas dende Europa a través do Camiño de Santiago. Nos non estamos a falar de fitos que lembran conquistas, estamos a falar de  desenvolvemento económico, agropecuario, comercio, etc. Cada incorporación aportou o seu modo de entender a vida, as súas propias tradicións que foron modelando as que xa había para que con esa suma o enriquecemento cultural fose medrando como se tratase dun abono para a terra que agoirase un prometedor futuro. Como dicía Filgueira Valverdeimponse a necesidade de que todos nós teñamos ideas xustas sobre o noso pasado para albiscar a liña que temos que seguir no porvir”.

Todos eses aspectos histórico-culturais  están presentes no ADN, no pulso vital dos creadores galegos. Están, xaora, nas súas obras, tanto no xeito de entender a creación, a alma do continente, como no contido, no que transcende como cadro, escultura, música,  poesía ou narración literaria. A creación convertese nun legado que reflicte a sociedade actual ou os problemas actuais con perspectiva histórica, o mesmo narracións que evocan a propia historia galega ou dos galegos. Esa é a conexión co pasado, ese é o legado cara o futuro.

Na actualidade estamos a vivir tempos de incerteza política provocada polas incapacidades dos partidos tradicionais que sofren de calcificación estrutural de aparatos viciados, afastados da realidade das rúas, e polo agromar de formacións cidadás e asociativas apoiadas en maior ou menor medida en organizacións minoritarias ou esgazadas de outros partidos que aportan frescor á vida política, pero tamén certa desconfianza. Diante deste panorama so se pode afirmar sen medo ao erro que o presente está parado e o futuro por chegar. Debemos ter fe, como dicía Castelao. Este paro tan significativo que ten a cultura galega atada de pes e mans non pode  nin debe durar moito máis. E de cara ao futuro inmediato, temos que ser quen de recuperar a normalización do galego, idioma, historia e cultura, no ensino, non so como idiomas, senón como idea que afecte a alma dos alumnos, a identidade das persoas que conforman a identidade dun pobo. Ese esforzo témolo que facer nos, sen esperar que no lo fagan outros, que a divina providencia en forma de políticas educativas (sobre todo se quen goberna non cre na identidade galega, en Galicia), culturais tome o mando. O pasado máis recente fala ás claras do fracaso para a cultura dun pobo definida e decidida  grazas a actuacións permanentemente subvencionadas. Políticas activas de normalización cultural, para o fomento da creación dende a base, para que agromen creadores que poidan ser tidos en valor pola súa propia sociedade para que tamén poidan transcender máis alá de Galicia, noutras sociedades, noutras culturas. Creo no mecenado, creo nas políticas de fomento da cultura, non creo no clientelismo, non creo nun país subvencionado.

No campus de Ann Arbor, co auditorio ao fondo cantando o miudiño ao son da gaita de Bieito Romero (Luar na Lubre) Gabriel Rei Doval (University of Wisconsin), David Vila Dieguez (Vanderbilt Univ. Nashville -TN) Suso de Toro, Felipe Laxe, Eloy Enciso e Pemón Bouzas

No campus de Ann Arbor, co auditorio ao fondo cantando o miudiño ao son da gaita de Bieito Romero (Luar na Lubre) Gabriel Rei Doval (University of Wisconsin), David Vila Dieguez (Vanderbilt Univ. Nashville -TN)
Suso de Toro, Felipe Laxe, Eloy Enciso e Pemón Bouzas.

Para chegar a iso, hai que volver a aproveitar as elites, dende o tecido empresarial ate o universitario, a intelectualidade, a quen defende a identidade propia transversalmente en todos os sectores da sociedade, eses que poden inspirar  “unha rexa vontade colectiva para facerse respectar” da que falabaCastelao, eses que representan  o “poder máxico da terra”. Manuel María dicía: “Entendo que existe unha importantísima minoría cualificada  moi concienciada en todo o que se refire a Galicia e á súa cultura, á súa lingua, e ás súas necesidades políticas. Isto non chega”. Pero está nas nosas mans, non podemos esperar que chegue coa choiva, temos que ser nos os que sintamos o pulso cada día para converternos en espellos dos que veñen detrás.

(continuará)

 

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *