II North American Symposium of Galician Studies – University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional 2: Medios de comunicación e cultura

A depresión na que están inmersos os medios de comunicación ten tamén que ver coa globalización provocada por Internet. Asredes sociais, as webs e as novas canles de comunicación a través da rede fixeron tanto dano aos medios, porque a súa implantación correu moito máis que a reacción da sociedade da comunicación para se adaptar aos novos tempos. Os rexedores dos medios miraron para as lustrosas mesas de despacho que disfrutaban sen ver chegar a onda expansiva dun novo xeito de tratar a información. A primeira vítima foi sobre todo a prensa escrita, pero non foi a única, xa que afecta ás televisións, que igualmente son preguiceiras en reaccionar,  e quizais as radios, aínda que penso que a radio sobrevivirá.

Pemón Bouzas nunha intervención

Pemón Bouzas nunha intervención

Queiramos ou non, discutindo a maior ou menor implicación dos medios galegos coa cultura galega, durante o período de bonanza, de vacas gordas con tetos inesgotables, os medios que aínda temos e os que se quedaron no camiño vítimas do antes dito, visibilizaron o feito cultural galego dos últimos trinta anos. Concretando máis, esa presenza da cultura nos medios comezou seu declive durante a crise económica, desaparecendo a información cultural case por completo, salvando algunhas excepcións froito da teima dos que son quen de sacar pílulas de cultura adiante, ou dos intereses puntuais das direccións dos propios medios. Bocas abertas e petos pechados, a situación actual é máis ben penosa, quizais desoladora. Pero aquí é cando traio de novo a Castelao para lembrarme que “hai que ter fe no poder máxico da terra e no porvir”.

Non son, sen embargo, moi optimista neste momento. Teño as miñas dúbidas ao respecto dese porvir, do futuro do galego e da cultura e da tradición galegas dentro dunha xeración.  Durante eses séculos escuros nos que tanto o idioma como o significado de Galiza como reino histórico coñecido e respectado foron esnaquizados, convertidos en algo denigrante que acabou denigrando tamén ao galego como ser humano, a lingua mantívose viva nos fogares da maioría das vilas e aldeas de Galicia. O castelán, mal falado, empezou a ocupar os salóns da baixa nobreza e da alta burguesía das cidades galegas, chegando tamén as escolas e a universidade. Pero no rural, na costa nas vilas, nas feiras, nas romarías, na vida social, falábase galego, e sobre todo á hora de expresar sentimentos entre a familia, incluso entre os castelán falantes. Xaora que era un idioma perseguido, xa non policialmente, que tamén, senón socialmente, era o idioma dos ignorantes, dos non cultos e ben educados.

Con Benita Sampedro (Hofstra University - NY) e Diogenes Costa Curras (University of Massachussets -Amherst)

Con Benita Sampedro (Hofstra University – NY)
e Diogenes Costa Curras (University of Massachussets -Amherst)

Hoxe en día, exceptuando reminiscencias de ignorantes centralistas dogmatizados, o galego recuperou prestixio pero segue no trapecio camiñando sen rede, e son moitas as turbulencias de todo tipo que o ameazan. De aí as miñas dubidas, o meu escepticismo. O deterioro no ensino, a preguiza de xeracións con espellos en heroes con pes de barro, abandeirados da fama doada de canles de televisión con programas que fan paradigma da ignorancia, o desprezo institucional pola cultura, pola literatura, polo arte… Ate o tradicionalismo populista deixou de ter interese.

(continuará)

Publicado 27th May 2016 por Pemón Bouzas

Etiquetas: Castelao Galego Galicia Pemón Bouzas University of Michigan

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *