II North American Symposium of Galician Studies – University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional e 4: educación e futuro

Certamente, as institucións políticas galegas teñen nas súas mans a posibilidade de promover, incentivar e divulgar a cultura galega polo seu valor intrínseco, sen atender  a connotacións políticas ou ideolóxicas, sen miramentos e comparanzas co castelán ou con outros idiomas dos que as culturas e os idiomas minoritarios están sempre en desvantaxe. A cultura propia, o idioma propio, son a base, os alicerces para comprender o noso e para entender mellor outras culturas e outras linguas; non esquezamos que as porcentaxes de coñecemento de outros idiomas, inglés, francés, alemán…, son superiores nos territorios nos que ademais do castelán se fala unha lingua propia, como é o caso de Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Euskadi e Galicia. “Vontade” é a palabra clave para as institucións xunto a  “fomento” para por riba da mesa a definitiva “medios”, medios económicos e humanos para que o proxecto teña futuro.

Qué dicir do ensino, en primaria e secundaria é fundamental non so o emprego de idioma senón a implantación da historia e da cultura galegas como elementos fundamentais para o coñecemento do propio. A universidade debe xogar o papel capital de formar as elites para que o fío do galego se consolide xeración tras xeración.

Namentres, e paralelamente, os medios de comunicación, sobre todo os públicos, teñen a permanente débeda existencial de promover e divulgar a cultura galega, na expresión máis ampla do termo, dende o uso normalizado do idioma. Non se trata unicamente de programar espazos nas televisións, realizar horas de emisión radiofónica ou destinar un número determinado de páxinas nos xornais, non; do que se trata é de que o noso ocupe liñas transversais na comunicación que van, por por o exemplo dunha televisión, dende os espazos estritamente culturais, máis destinados nun principio a sectores intelectuais da sociedade, ate os destinados ao mero divertimento ou os que son de corte máis informativo. Ese é un esforzo esixible e necesario para darlle valor a nosa cultura, de tal xeito que chegará o día no que o coñecemento do noso por amplos sectores da sociedade repercuta de tal xeito que nos sintamos orgullos do feito diferencial e da riqueza que iso leva de seu.

Un viño na casa de Cristina Moreiras, a nosa anfitriona en Míchigan co fotógrafo Manuel Sendón e cos escritores Suso de Toro e Miguel Anxo Murado

Un viño na casa de Cristina Moreiras, a nosa anfitriona en Míchigan
co fotógrafo Manuel Sendón e cos escritores Suso de Toro e Miguel Anxo Murado

A creatividade está garantida polas calidades dos creadores, pero en permanente risco de desaparición por mor das dificultades económicas para levar adiante esa creatividade. No cine, Galicia está dando mostras da súa valía con proxectos moi interesantes recoñecidos dentro e fora do territorio galego, pero non esquezamos que estamos moi lonxe do que están a facer en Cataluña e noutros lugares, sobre todo no tocante a infraestruturas e presupostos. O audiovisual galego é unha das boas noticias grazas á existencia da  propia Televisión de Galicia que se converteu no dinamizador dun sector practicamente inexistente. No tocante ás artes plásticas, a situación é desesperada, cada vez hai menos galerías, cada vez se move menos o mercado do arte, cada vez é máis difícil para o artista dar a coñecer a súa obra e vivir da creación.

No eido literario, á crise económica que golpeou de xeito forte ás editoriais galegas hai que sumar  a mal chamada piratería, o roubo de contidos por descargas ilegais a través de Internet, un problema que coñecen ben os músicos e todo o sector audiovisual.

Ende ben, a poesía galega está a gozar de boa saúde grazas a xente nova que chega ilusionada e con moito que expresar. Do mesmo xeito, teño que dicir que a narrativa está nun bo momento. Hai un par de décadas, os referentes literarios galegos contábanse cos dedos das mans, felizmente, a creación literaria foi medrando dun xeito paralelo á calidade dos textos que se publican e publicaron nos últimos anos. E non resulta doado facelo.  Vivir da literatura é un luxo que non sei si algún galego se pode permitir na actualidade. En todos os casos, como xa dixen anteriormente, é necesario crear en galego, expresar ideas, sentimentos contar historias en galego como se contan noutros idiomas, historias que afectan a galegos, que suceden en Galicia, que importan aos lectores galegos porque se identifican con elas.

Debate durante un dos paneis do congreso con Xulio Sousa (ILGA), Gabriel Rei-Doval (Univ. Wisconsin-Milwakee), Obdulia Castro (Regis Univ.-CO) e Gabriela DeRobles (Georgetown Unv, Wasingtong DC)

Debate durante un dos paneis do congreso con Xulio Sousa (ILGA), Gabriel Rei-Doval (Univ. Wisconsin-Milwakee), Obdulia Castro (Regis Univ.-CO) e Gabriela DeRobles (Georgetown Unv, Wasingtong DC)

Se nos emocionamos cando lemos unha historia que sucede nas rúas de Tokío ou nunha aldea do Xapón escritas por Murakami, ou cando sentimos o que senten personaxes de Paul Auster no campus  de Columbia, ou co que lle sucedía a persoas de pequenas vilas do sur de Suecia  na obra de Henning Mankell entendemos a frase de Umberto Eco: “Cando consideramos un libro, non debemos preguntarnos qué di, senón qué significa”.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *