Cartas de amor e vida: Pilarucha

De súpeto, entrei na túa casa una tarde noite de inverno. Entre lusco e fusco agardei no estudo separado do recibidor por unhas portas de madeira e cristal. Case que toda a estancia estaba ateigada de libros ordenados co xeito de quen é lector. A luz era cálida coma o ambiente que rodeaba aquel fogar cun oso como patriarca. Pero o que máis me impresionou foron as pinturas que colgaban das paredes, obras de arte pintadas por alguén coma ti, Pilarucha, unha muller co don da beleza que as túas mans souberon trasladar aos lenzos. Cada vez que se me abriu a porta  desa rosa que moitos anos despois, segues a dominar dende a túa randeeira matriarcal, sempre, quedaba abraiado polo enfeitizo dos teus cadros.

Lémbrome deles cando o destino me cruza con algún dos teus fillos, cando vou a Viveiro tan de cando en vez,  e tamén cada vez que lle voto unha ollada a “Rastro de un sueño”, un dos libros de relatos de Hermann Hesse, exemplar que ti me regalaches para achegarme á literatura do premio Nobel alemán. Quizáis porque sabías que prendería en min o relato “Sobre o lobo estepario” e despois o propio lobo.

 

Son cousas da memoria, esa que vai e ven, esa coa que viaxas dende a túa randeeira cunha mantiña sobre as pernas e, se cadra, cunha touca de lá sobre o lombo,  namentres miras como rebolen fillos e netos baixo a atenta mirada do mundo real e onírico colgado das paredes.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *