O camiño francés

No mes de setembro de 2004, en pleno Xacobeo, Victorino mais eu, co axudante de cámara Mati, fixemos o Camiño de Santiago por excelencia, o Camiño Francés. O 23 de outubro daquel ano O Camiño de Santiago ía recibir o Premio Príncipe de Asturias á Concordia e o noso traballo ía ser, e foi, elixido para emitir na TVG xusto despois da retransmisión de entrega do Premio en Oviedo.

Para tan longa viaxe na que as paradas eran o máis importante e as historias do camiño o noso obxectivo, fixemos unha importante preparación no tocante a esquema de traballo, documentación, produción e, incluso, fisicamente xa que sabíamos da dureza do mesmo tendo en conta as zonas gastronómicas e vitivinícolas que o Camiño Francés atravesa. Tiñamos que estar á altura das circunstancias.
Seguimos o mesmo esquema de Historias de Compostela, steadycam e planos secuencia, rematamos de escribir os guións nos hoteis e no coche, fixemos o traballo con entrega e dedicación e regresamos a casa con varios quilos de mais.
Grandes lembranzas dos pinchos en Pamplona e Logroño, dos pementos do piquillo, dos “cogollos” de Tudela, do rabo de touro de Sahagún, do cocido maragato de Castrillo de los Polvazares, do botillo de Molina Seca, da cecina do Bierzo, dos hovos con raxo, xamón e chourizo do Cebreiro… dos rioxas, ribeiras do Duero, Rueda, mencías do Bierzo… por poñer so algúns exemplos. Dígovos que non hai mellor xeito de traballar.
O resultado de tal desfeita foron os quilos que fun collendo segundo avanzaba o camiño.



Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *