Mentira

Resulta que Johnsy quería coñecer o significado de “mentira”. Quizais porque leva meses sentíndome dicir “mentira”  cando leo, escoito ou vexo a determinados representantes dos cidadáns nas institucións facendo declaracións. Hoxe, 11 de setembro de 2019, seguen mentindo. Menten no Congreso, menten en Barcelona, menten en New York… Menten.

Johnsy nunca mente. Non o concibe. Johnsy é a gata da casa. Puxémoslle ese nome como homenaxe a unha colega dela que foi protagonista na película Alien: o oitavo pasaxeiro de Ridley Scott .

Johnsy é negociadora. Iso si. Se quere algo pídeo directamente. Se non o consegue, negocia, ronrona,  acariña as miñas pernas coa testa. Ao final, sempre consegue algo do que quere. Todos cedemos.

Cando me preguntou polo significado de “mentira” so se me ocorreu facerlle crer que lle ía dar o paté que tanto lle gusta e non llelo din. Doeume, porque non entendía ese comportamento tan animal* (substituír por “humano”). Reparei a miña afronta con paté. Pensou polo tanto que mentira era unha brincadeira. E non o é.  Mentira é dicir que non se queren novas eleccións, cando realmente se queren. Mentira é dicir que se está aberto ao diálogo cando non é certo. Mentira é dicir que so se pensa en España cando so se pensa no poder. Mentira é dicir que se loita contra a corrupción e se rodean de imputados, investigados ou como queiran chamar a esas persoas sospeitosas de meter a man nos cartos públicos. Iso lle expliquei a Johnsy.

 

 

“Mentira” é un magnífico libro escrito hai anos por Enrique de Hériz. Unha novela na que retrata a condición humana, coa morte de por medio, sen saír do seo dunha familia. Unha novela que ten trazos de thriller, con Maquiavelo de fondo, e moita psicoloxía en personaxes realmente potentes, sendo algúns deles arquetípicos.

Rematei a conversa con Johnsy léndolle un anaco da novela. Quedou tranquila ronronando.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *