Sentidiño

En democracia, votar nunca debe ser un problema. O problema sería vivir nun país onde non se pode votar. Nos debemos votar. Outra cuestión é que teñamos que acudir ás urnas repetidamente porque non hai intención de pactar entre as diferentes opcións para conseguir un goberno estable. Alguén non está facendo o que debe. Alguén pensa máis en posicións persoais, partidistas ou ámbalas dúas, antes que  no interese xeral, antes que nos cidadáns, antes que no país que di defender.

 

Quen gaña as eleccións ten a responsabilidade de intentar formar goberno, ten o deber de conseguir apoios suficientes p ara gobernar. Pedro Sánchez non o logrou. Gañou as últimas eleccións apelando aos votantes de esquerda que esperaban un pacto cos partidos ideoloxicamente próximos, os da esquerda, e non co Partido Popular, o rival natural dende que temos democracia, que se define como de centro dereita a pesares de que a cidadanía sabe que está na dereita. Ciudadanos é seguramente o socio desexado polos socialistas, porque semellaban ser un partido de centro dereita, pero se posicionaron claramente á dereita do PP. Non quedaba outra que Unidas Podemos, os desexados polos votantes de esquerda que deron o seu apoio a Pedro Sánchez, pero o líder socialista non os quere ver nin en pintura.

 

Agora, coa convocatoria de novas eleccións, e con todas as enquisas a favor de Sánchez e o PSOE, pero con necesidade de socios para poder gobernar, que van facer os votantes que saben que Sánchez prefire a Ciudadanos antes que a Podemos?

Nos momentos de confusión ideolóxica que vive a sociedade, cunha esquerda minifundista, cun centro esquerda ancorado no centro dereita, cun centro dereita na dereita…  calquera cousa pode pasar. Os partidos deberían ser consecuentes, eticamente respectuosos co que lle ofrecen aos seus votantes, e non pedir peixe se se quere comer carne.

Demasiada xente sospeita que despois das eleccións de novembro o taboleiro político en España vai ser moi similar ao actual. Se non se logra configurar un goberno, o mellor que deben facer os partidos e prescindir dos líderes que non demostraron capacidades para o seren, uns por seguir perdendo eleccións e outros pola súa incapacidade para dialogar, pactar e, polo tanto, gobernar.

A miña esperanza está nos votantes, en que poñan “sentidiño” por si se contaxia aos representantes electos.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *