Alén do celofán

Antonte fun cear con María e cun “home novo”, Xurxo. Como sempre, cando nos xuntamos os tres, as conversas adquiren unha dimensión superior, e esa noite non foi menos. Non vou entrar en comentarios  sobre este ou aquel libro que andamos a ler, porque non é o momento para facelo. Tempo haberá.

Rambo ocupou un tempo da nosa velada porque Xurxo se cruzara, minutos antes da nosa cita, cunha amiga común e coa súa parella que non se apuntaron aos viños é á cea por teren un compromiso anterior, visionar con outros amigos, en plan videoclube, a película Rambo.

Rambo, e o protagonista da película Sylvester Stallone, son paradigmas do belicismo hollywodiano, da exaltación patriótica chauvinista arredor da Guerra de Vietnam. Na década dos anos 80 do século pasado, Rambo é de 1982, apareceron Born in the USA de Bruce Springsteen (1984)  e Nado o 4 de xullo de Oliver Stone con Tom Cruise como protagonista. Moitas lecturas desas películas e da canción se fixeron sen despoxalas do celofán que as cubre e que matiza o que hai no interior de cada unha delas.

Unha vez retitrado o celofán, a primeira entrega de Rambo, que tiña como título orixinal First Blood no resto do mundo e en España Acorralado, a parte da acción e da violencia, explícita e implícita da trama, hai unha critica virulenta á sociedade que despreza aos que loitaron por eles nunha guerra afastada xeográficamente e próxima pola cantidade de cadaleitos que regresaban a casa, cada día milleiros deles, con rapaces que deron as súas vidas por un país que nunca llelo agradecería. Os veteranos acabaron abandoados e mal vistos por unha sociedade que botou sobre eles a culpa do que fixeron os mandatarios que os gobernaban e os enviaban a loitar.

Rambo non é unha película antibelicista, pero unha revisión case catro décadas despois destapa unha critica soterrada á sociedade americana que non soportaba a un melenas que cruzaba andando por unha vila do medio oeste na súa particular peregrinaxe. Era un vagabundo, un desmelenado, unha persoa diferente, polo tanto, unha anomalía na sociedade. Era mal visto.

Born in the USA é un LP de Bruce Springsteen publicado en 1984. Unha canción incluída no disco tamén se chama así. Ambolos dous, LP e single, foron e seguen a ser os discos máis vendidos de Springsteen na súa carreira, os que máis sona lle deron. A portada é Sprinsteen de costas vestido con roupa vaqueira e cunha gorra vermella saíndo do peto traseiro do pantalón, cun fondo da bandeira dos USA. Esa foto de portada e a afirmación do retrouso repetindo unha e outra vez “nacín en USA” colocaron a canción baixo sospeita. Ata Ronald Reegan na campaña de reelección a empregou para gañar os votos dos traballadores e dos máis necesitados e esquecidos pola súa propia administración.  Nada é o que parece. Born in the USA fai unha crítica implacable á sociedade que despreza e abandona aos traballadores e ás clases menos favorecidas.

Foi en 1989 cando Oliver Stone presentou a película Nado o 4 de xullo para reivindicar e poñer en valor o sacrificio dunha xeración que pagou con sangue pertencer a un país en guerra que lles deu as costas. Iso si, non sen certas contradicións.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *