Aire

Chámase Greta, ten dezaseis anos e é sueca. Resulta que esta rapaza é unha icona mundial do ecoloxismo, dos movementos xuvenís en defensa do planeta Terra, do único que temos. Certo é que vivimos na era da hipercomunicación e que as persoas máis insospeitadas poden acadar cotas de popularidade por seren simplemente estúpidos, cada un experto na súa propia estupidez. Non é o caso de Greta. Esta rapaza sabe o que quere. E conseguiu que ducias de milleiros de seguidores en todo o mundo se fixeran eco da súa preocupación, da de todos eles, da de moitos de nos: a saúde do planeta no que vivimos.

Non vos da vergoña que sexan os rapaces os que nos peguen a bronca por non facer o que están a facer eles? A min si. Son culpable.

Chegou á ONU. Fixo moito ruído. Os seus seguidores, os ecoloxistas de todo o mundo, os que pensan que é posible un desenvolvemento sostible, saíron ás rúas a defender unha idea, a que defende Greta Thunberg.

E a ONU iniciou a sesión, a chamada Cumio do Clima.

O resultado?

Aire. Aire contaminado, claro.

Donald Trump declarou na ONU que o futuro é dos patriotas, non dos globalistas. Como dirían os cómicos “canta falta de ignorancia”. Os líderes mundiais son políticos, e como tales, curtopracistas. So pensan en hoxe. Para eles o futuro é mañá pola mañá.

E nos agardando por eles. É a posición máis cómoda. Que sexan os demais os que solucionen os problemas, tamén os meus. Reciclamos? Deixamos as billas da auga abertas? Temos acesas as luces das partes da casa nas que non estamos? Consumimos plásticos e máis plásticos? …

A resposta maioritaria é a do chiste, a do electricista nun barco no Gran Sol que como non é quen de arranxar a avaria eléctrica dille ao patrón que a avaría está fora. Vamos! Que a culpa é de FENOSA ou como coño se chame na actualidade.

Collamos as ferramentas que temos a man e fagamos o esforzo que nos corresponde para tentar curar o planeta. Debémosllo aos noso fillos.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *