Annobón, o berce dun escritor
Guinea Ecuatorial, o país esquecido. Mais alá dos debates sobre os colonialismos levados a cabo polas potencias dominantes en cada período histórico, que tamén me interesan, o que me preocupa é a situación actual das persoas, como individuos, dos pobos que viven baixo o talón soldadesco, como é o caso, en territorios que foron colonizados. Haberá quen diga que en Guinea Ecuatorial hai democracia grazas á presion da comunidade internacional,e que como consecuencia dende 1992 celebran eleccións; eleccións que  gaña Teodoro Obiang Nguema, quen goberna dende hai corenta e un anos un país pobre, sen auga potable para a maioria da poboación, pero cunha oligarquía multimillonaria grazas ao petróleo que venden e á madeira e o cacao que exportan.
Afortunadamente, hai xente como o escritor e activista Juan Tomás Ávila Laurel que van contando o que acontece na súa terra para que saibamos algo sobre aquél territorio que noutrora fora colonia española.

Onte vin o documental que protagoniza Ávila Laurel titulado «El escritor de un país sin librerías«, realizado por Marc Serena. Protagonista e realizador merecen o meu aplauso, o aplauso do público, e o noso recoñecemento por tan interesante traballo, por poñer voz a un home e áo pobo ao que pertence, por visibilizar Guinea Ecuatorial e a súa realidade actual.
Non lin ningún libro de Juan Tomás Ávila Laurel pero en canto poida vou ler a este intelectual orixinario da pequena illa de Annobón, unha das illas que pertencen a Guinea Ecuatorial a pesares de estar a 650 km de distancia de Malabo, a capital que se atopa na illa de Bioko (a antiga e colonial Fernando Poo que lembrarán os moi vellos).
Annobón foi descuberta a mediados do s.XV por navegantes portugueses. Era unha illa deshabitada, pero durante séculos foi utilizada como campo base onde acinaban aos africanos capturados para seren vendidos como escravos en América. Os dous mil e pico habitantes de Annobón son descendentes daqueles escravos, maioritariamente de orixe angolana. Como toda Guinea Ecuatorial, e as súas illas, foi colonia española, o idioma que alí falan é o español, pero tamén o portugués e o autóctono, o Fá d’Ambô, unha lingua africana mesturada co portugués.
Benita Sampedro e Juan Luís Escudero
Tiven a oportunidade de ver o documental grazas á invitación que me trasladou Benita Sampedro, veciña da costa norte da Ría de Arousa e profesora na Universidade de Hofstra, New York, especialista en colonialismo. Ela presentou o documental e moderou o debate, acompañada polo profesor José Luís Escudero Fernández. Cheo absoluto na sala NUMAX de Santiago.
Diante do esquecemento mediático, da ignorancia e da despreocupación social, so este tipo de actividades aportan esperanza. Grazas por facerme partícipe.

 

1 Comment

  • benita Posted 31/12/2019 6:55 pm

    Grazas a ti por escribires sobre isto, para axudar a visibilizar, entre todos, somos maís,

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *