Non é faltar á verdade, é mentir

Tras dos tempos veñen tempos e outros tempos han de vir  cantaba o portugués Fausto no século pasado e razón non lle faltaba. O cantante e politólogo facía referencia na canción á forza da xente comprometida, traballadora, para cambiar a sociedade. Eran tempos nos que non bastaba cos cambios políticos que mudaron unha ditadura por unha democracia sen pegar un so tiro grazas á Revolución dos Caraveis, era preciso seguir co compromiso para frear o neocapitalismo incipiente que estaba a devorar Europa e que afectaría aos salarios e as condicións laborais dignas dun país democrático. A canción, cuxo título é Atrás dos tempos, segue vixente hoxe e non me refiro ao país veciño, Portugal, falo de España.

As democracias deterióranse cando se deteriora a sociedade. A sociedade española padece de anemia dende a súa obesidade. O deterioro, por non dicir a perda, dos valores que son os alicerces do individuo, e por extensión da sociedade na que vive, conducen aos pobos á ignorancia. Froito desa ignorancia xorden representantes dos cidadáns, lexitimamente elixidos, que unha vez que acadan postos de responsabilidade non é que nos descubran a súa mediocridade, é que menten cada vez que abren a boca lanzando proclamas que nin sequera saben a que intereses protexen. So un exemplo, o da madrileña Díaz Ayuso que se quedou tan ancha dicindo “a contaminación nunca matou a ninguén”. Afortunadamente, a Organización Mundial da Saúde saíu ao paso coas cifras, falando dos millóns de persoas que acaban morrendo por culpa da contaminación. Ti crees que a madrileña rectificou? Non o fixo nin o vai facer, quen é a OMS para corrixila a ela?

A cuestión, insisto, é que a mentira xa forma parte dos programas e das proclamas dun cada vez máis numeroso grupo de políticos que son quen de dicir o que lles ven en gana. A calquera persoa lle causaría rubor discutirlle a un médico, a un economista, a un arquitecto, ou a calquera profesional, non tendo a preparación que eles teñen na súa especialidade, sobre as cuestións que dominan e para as que se formaron; hai unha excepción, os mediocres ignorantes con cargo público poden, sen seren nada máis que políticos, poñer en dúbida e negar o que a comunidade científica afirma. Pero vivimos na era dos bolseiros, ascendidos a cargos relevantes por teren  no seu currículo algo que agora se valora máis que nunca, seren xoves. Xa colleran experiencia con cagadas (con perdón)!!! O malo é que algúns teñen responsabilidades de goberno.

 

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *