II North American Symposium of Galician Studies – University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional 1: Introdución
Detrás de Cristina Moreiras e rodeado de invitados e investigadores no campus de Ann Arbor - Míchigan

Detrás de Cristina Moreiras e rodeado de invitados e investigadores no campus de Ann Arbor – Míchigan

Mesa Redonda de Clausura. Sábado 23 de abril de 2016

Sobre a Galicia de hoxe (1). Pemón Bouzas

Castelao, na obra fundacional do nacionalismo galego “Sempre en Galiza” dicía con rotundidade: “Eu renego da historia de Galiza, porque o pasado so nos deixou desilusións de vida e nin tan sequera sabemos cal foi o seu mellor propósito. O milagre da existencia diferenciada de Galiza, a través de tantos erros e miserias históricas, proba que do chan galego xurde unha enerxía incoercible, capaz de facernos inmortais. Eu, polo tanto, confío na soberanía natural de Galiza, que so agarda por unha rexa vontade colectiva para facerse respectar… E claro que renego do pasado porque o feito diferencial de Galiza xa supera, na conciencia e na vontade política dos galegos de hoxe, a todos os feitos rexistrados na súa historia. Eu solo confío no poder máxico da terra e no porvir que presentimos a través da nosa fe”.

Eran tempos de Guerra Civil cando Castelao afirmaba iso. El renegaba da historia, do pasado galego, pero confiaba, tiña fe, na soberanía natural de Galiza, no poder máxico da terra de cara ao porvir.

Repasando, antes de intervir, con Eloy Enciso e María Reimóndez

Repasando, antes de intervir, con Eloy Enciso e María Reimóndez

Non sei que pensaría hoxe, da situación actual, da historia recente na que, grazas á recuperación da democracia, Galiza conseguiu a autonomía, na que destas décadas se fala xa como as do rexurdimento da cultura galega que significaron  momentos de esplendor. Nunca o cualificaría como algo parecido ao “século de ouro” da cultura galega, para non alporizar a ninguén, nin a Miguel Anxo Murado que afirma que foi ese rechamante século da cultura española a que máis dano fixo a Galicia e aos galegos como pobo, como identidade e como cultura, nin a outros que defenden sen reparos  tempos pasados como os de máximo esplendor.  “Ten tanta dor a historia galega, tanta dor descoñecida, insospeitada, até negada, que o seu coñecemento determinará no pobo o anceio de estragar un dia a gaiola dos saliaos para vivir a ledicia” apuntaba Xosé Filgueira Valverde nun artigo publicado en xaneiro de 1926. Por iso, non dubido en afirmar que  hai rumorosos deixando as súas pegadas creativas como nunca antes pasara.

Certamente, o feito de lograr institucións galegas emanadas da vontade do pobo en forma de parlamento e de goberno galego significaron un pulo importante para a recuperación, dignificación e defensa da cultura galega, empezando pola nosa lingua. Non teño ningunha dúbida de que a creación dos medios de comunicación públicos significou moito, do mesmo xeito que a implantación do ensino en galego, co que a lingua e a cultura saíron fornecidas. Os medios privados  contaxiáronse dese pulo e prestaron maior atención ao galego, incluso con textos en galego, eventualmente, ou con medios que empregaron o idioma de xeito continuo, lamentablemente, os primeiros en desaparecer.

As crises económicas e financeiras non so actúan dende  parámetros macroeconómicos afectando a multinacionais máis poderosas que moitos países, actúan sobre  nacións, arruinando estados democráticos inmersos en débedas impagables; actúan, tamén na economía de a pe, esa que derruba pequenas e medianas empresas, arruína familias,  xera cifras arrepiantes de parados e provoca fame. Nunha economía como a galega, cun tecido industrial feble, altamente dependente do sector primario e, dende que temos autogoberno, das axudas deste ou das que chegaban dende a Unión Europea, a crise ía afectar moi directamente á cultura.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *