II North American Symposium of Galician Studies – University of Michigan-Ann Arbor. The crucible vs A voz do vento

Cristina Moreiras-Menor, directora do departamento de Romance Languages and Literature da University of Michigan – Ann Arbor tivo a ben invitarme, xunto a outros creadores galegos, a participar no II North American Symposium of Galician Studies que ela e os seus colaboradores organizaron. Congreso que tivo lugar entre os días 19 e 23 de abril e ao que acudiron investigadores e profesores de preto de cincuenta universidades de Estados Unidos, pero tamén de lugares tan afastados como Nova Zelandia.

Teresa Vilarós, Suso de Toro, María Reimóndez e Pemón Bouzas

Teresa Vilarós, Suso de Toro, María Reimóndez e Pemón Bouzas

Non so sinto orgullo por participar como invitado nesas xornadas, tamén sinto agradecemento e satisfacción polo feito de compartir primeira mesa cos escritores Suso de Toro e María Reimóndez e coa profesora Teresa Vilarós da universidade de Texas A&M.

Las brujas de Salem

Las brujas de Salem

Quixen na miña primeira intervención falar de persecución, perversión, corrupción e inxustiza reflectidas en dúas obras: The Crucible (O crisol, As bruxas de Salem) do gran dramaturgo Arthur Miller e, en segundo lugar, A voz do vento, a miña última novela publicada, na que as protagonistas son as bruxas de Cangas.

Este é un fragmento da miña exposición:

Catorce anos despois de rematar seus estudos de xornalismo nesta Universidade de Michigan, e xa cun Premio Pulitzer no peto grazas á maxistral obra Death of a salesman (Morte dun viaxante)Arthur Miller publicaba outra das obras que o consolidaron como  un dramaturgo de primeiro orde: The Crucible (As bruxas de Salem). Corrían malos tempos para o autor quen sentía no seu pel o látego fustrigador da súa propia  caza de bruxas instigada polo senador de Wisconsin Joseph McCarthy. Afortunadamente para o dramaturgo, como todos saben, o Tribunal de Apelación revocou a condena por desacato ao Congreso quedando libre de cargos. Crise social, infamia e persecución, delacións inxustificadas… de que estamos a falar, dos dramáticos sucesos ocorridos na vila de SalemMassachussets, en 1690 ou do que acontecía na sociedade americana na década dos cincuenta do século pasado? Ese foi o reto de Miller, esa foi a grandeza do dramaturgo, contar o que pasaba e que el sufría a mediados do século XX trasladado a unha sociedade na que o fundamentalismo relixioso do século XVII impoñía a súa lei nunha pequena vila de Massachussets.

Arthur Miller

Arthur Miller

Arthur Miller cría na foza do teatro “as obras de teatro esforzábanse por expresar unha idea, por encarnala”, por contraposición ao cine “as películas non tiñan ideas, so acción”. Así pensaba Miller corenta anos despois de escribirThe Crucible (As bruxas de Salem) ao rematar a versión cinematográfica da súa obra teatral. “Quen se molestaba en aprenderse o nome dun guionista? –Se preguntaba Miller ao tempo que valoraba e recoñecía aos grandes nomes da historia da dramaturxia como inspiradores dun xove e ambicioso escritor. Porén, a súa percepción sobre o cine foi mudando, chegando a atribuírlle “unha autentica finalidade estética”.

Nos os galegos, tamén tivemos as nosas bruxas e cazas de bruxas. Falando xa da miña última novela publicada A voz do vento (Xerais, 2014) debo recoñecer un paralelismo causal coa obra de Miller. Cando me documentaba sobre o fito histórico dos ataques piratas á vila de Cangas a principios do século XVII e sobre as actuacións da Inquisición en Galicia, non me foi difícil comprender que algunhas das acusacións de bruxaría a mulleres da comarca de Cangas tiñan un compoñente económico detrás, apoiado no fundamentalismo que algúns membros da Igrexa Católica e da propia Inquisición exhibían. Semellaba que estaba a ler noticias sobre corrupción nas institucións públicas, prevaricacións, estafas, desafiuzamentos por hipotecas non pagadas, paro, fanatismo, conivencia social e institucional… Era como estar a ler un xornal destes últimos cinco anos falando da crise financeira, económica e social que estivemos a vivir en España, xaora en Galicia. Aí estaba a novela, aí estaba a trama, os personaxes, a historia como aprendizaxe, ou non, de cara ao presente e o futuro. A María Soliño de Cangas, a mesma María Soliña de Celso Emilio Ferreiro, sen chegar ao lume das fogueiras da Inquisición, sen pasar pola cámara do tormento, podería ser calquera muller galega afectada na actualidade pola crise, estando no paro, co seu home tamén sen traballo, cos fillos estudando para acadar un futuro utópico no que o presente é unha agonía.

Manuel Sendón, María Reimóndez, Suso de Toro, Miguel Anxo Murado, Cristina Moreiras, Pemón Bouzas, Valentín García Gómez e Xosé Manuel Pereiro

Manuel Sendón, María Reimóndez, Suso de Toro, Miguel Anxo Murado,
Cristina Moreiras, Pemón Bouzas, Valentín García Gómez e Xosé Manuel Pereiro.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *