So o coñecemento nos axuda a pasar pola vida atando cabos.
A experiencia vital, as ansias de aprendizaxe, a curiosidade por saber, polo coñecemento, son alicerces que nos sosteñen e que, cando nos decatamos, están aí, tan sólidos e vigorosos como os fomos construíndo. Moito dese vigor ven determinado polas veces que erramos e que nos levantamos para seguir adiante, aprendendo dos erros, non das carantoñas nas costas por parte de xente que, co tempo, saberemos que non nos prezaban.
Hai xente que pasa pola vida estando cómodo co personaxe gris que lle tocou vivir, sen dúbida porque o esforzo por saír desa mediocridade semellaba demasiado grande. Pero ás veces, poucas, algún trauma fai tremer algunha estrutura interna e comezamos a mudar. Empezan a pasar cousas que deixamos de mirar con apatía para darlles a importancia que merecen. Imos atando cabos.
“Atando cabos” é o título en español da película “The Shipping News”, o xornal dos pescadores dunha vila mariñeira de Terranova, no Canadá, que dirixe un tipo interpretado por Scott Glenn, nun papel testemuñal e con Judie Dench nunha interpretación espectacular. O protagonista é un tipo gris, interpretado por Kevin Spacey, que vive unha vida gris, sen estímulos nin laborais nin persoais, a pesar de estar casado cunha muller vulgar pero espectacular e nada gris, interpretada por Cate Blanchett, que busca a cor da vida fora do matrimonio nun barrio calquera da cidade de New York. O caso é que o protagonista remata en Terranova, no xornal local, sendo veciño dunha nai con fillo, interpretada por unha espléndida Julianne Moore. A paisaxe, as raizames familiares, os veciños da vila e o mar son eses cabos que hai que atar para deixar de ser gris.
“Atando cabos” pasou sen pena nin gloria, sendo para min unha película entrañable e cruel, ben feita e ben interpretada, na que a paleta de grises dos ceos canadenses fai mudar o gris vital do protagonista. Hai evolución nos personaxes. Iso é que que se lle pide á vida, aprendizaxe.
Claro que, a estas alturas de 2020, en plena pandemia de covid19, en tempo de tronadas con ceos da cor do chumbo e con terrícolas patéticos, falar dunha película en positivo estando interpretada por Kevin Spacey vaime por no punto de mira. Acepto o reto. Non vou renunciar a películas que me gustan por accións persoais desprezables.
Unha tarde, en Santiago de Compostela, moito antes de que saltaran á luz todas as denuncias por acoso sexual con nomes propios de Hollywood, falando de cine con James Ellroy, o autor de L.A. Confidencial, me comentou que sentira moito que escolleran a Spacey como un dos protagonistas da película. Pregunteille por que. Todo Hollywood sabía quen era quen, e Ellroy non podía ver diante a Kevin Spacey, pero entendía que millóns de persoas que non o coñecían persoalmente apreciasen o seu talento como actor. Con iso me quedo, en L.A. Confidential e en Atando cabos.
Pero miro diferente ao actor. A película pódese ver en YouTube.
Add Comment