Día do libro: Begoña Caamaño, María Reimóndez, Diego Ameixeiras e Fran Alonso

 

Día do Libro.

Afortunadamente, as redes sociais estanse a encher de libros. Neste apunte van catro libros de literatura galega.

Morgana en Esmelle” de Begoña Caamaño. Cada vez que me topo cun libro de Begoña na miña biblioteca lamento a súa morte e sinto tristura polos grandes libros que lle quedaron por escribir. “Morgana en Esmelle” entronca coa tradición cunqueiriana, coa “materia de Bretaña”, coa riqueza herdada e sentida por Begoña na súa existencia como galega. Este libro, como o resto da súa obra son xa eternos.

Pirata” de María Reimóndez. Teño querencia por esta muller, polo que representa, polo que vive, polo que loita e polo que transmite. Nesta novela, unha viaxe que leva ao protagonista na procura do acougo que so da o fogar, pero que busca con valentía, con coraxe, cando se presentan difíciles, coa esperanza como luz ao final do tunel.

Historias de Oregón” de Diego Ameixeiras. Iso son, historias, rápidas e fondas, intensas, implacables, todas elas sen saír de Oregón, quizais Ourense. Diego domina a novela negra. En cada libro captura ao lector de xeito implacable e non lle permite nin a máis mínima distracción. Penso que esboza un sorriso cínico cando ao rematar cada lectura ve como nos deixa desamparados, con necesidade doutra dose.

Ninguén” de Fran Alonso. Se nestes momentos a comunicación, mellor ou peor, máis saturada ou menos, ten que ver co ciberespazo, esta novela de Fran Alonso resultou ser parcialmente premonitoria. Os que buscan o silencio, a tranquilidade e foxen dos ruídos da cidade, os que se obsesionan coas redes sociais e coa comunicación a través de Internet e os lectores de historias trepidantes teñen neste libro unha solución verdadeiramente atractiva.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *