“Don Quijote de la Mancha” e a serie de HBO “The Newsroom”

O cabaleiro máis necesario e vixente.

Hai uns días, o meu irmán Vicente díxome que aproveitaba o tempo libre que lle deixaba o teletraballo por mor do confinamento para ler “Don Quijote de la Mancha” nunha edición que eu lle regalara. Lin a obra magna de Cervantes tres veces, unha por obriga, na escola, e dúas por devoción. Ando estes días a pensar  que, despois de falar co meu irmán, en calquera momento terei que facer unha nova lectura, porque estou convencido de que cada libro, cada bo libro, ten lecturas diferentes non so relacionadas co estado de ánimo, nin coa mellora dos coñecementos do lector, senón tamén coa experiencia acumulada polo lector no seu devir vital. Nunca sentín que se tratase dunha obra burlesca tal como foi considerada en épocas pretéritas, para min sempre foi unha alegación en favor duns ideais xa perdidos de aquela, o respecto, a educación e a cultura versus  ignorancia (falo da ignorancia voluntaria, a máis frecuente), arrogancia, desprezo polo coñecemento e polos que saben máis que un, desinformación, adoración do trivial, dos personaxes do papel couche e dos reality show.

Hai quen poida pensar que a obra de Cervantes é un clásico en desuso; toda esa xente anda moi errada e poño so dous exemplos de grandes escritores e intelectuais do século XX: William Faulkner, autor de “El ruído y la furia”, e Carlos Fuentes, autor de “La región máis transparente”, confesaron en múltiples ocasións que leron “El Quijote” en moitas veces, de feito, o mexicano dixéralle ao xornalista Joaquín Soler Serrano que o lía case que todos os anos en Semana Santa.

A vixencia de “El Quijote” chegou neste milenio, no séc. XXI, a HBO e a unha das mellores series que teño visto: “The newsroom” (a redacción), unha serie sobre xornalismo feita en 2005 que, afortunadamente, aínda está presente na grella de HBO. O ilustre cabaleiro ten aparicións tanxenciais ao longo das tres tempadas, curtas, da serie pero con importancia clave nos momentos decisivos da mesma. Deixo aquí un corte sobre esta referencia:

Outro día falarei da serie, de xornalismo, de comunicación e de como a propaganda  foi solapando a información ata chegar ao punto no que nos atopamos, aquí e acolá.

 

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *