Foise co vento (Gone with the wind)

George Floyd morreu asasinado por un policía de Mineápolis.

No estado de Minnesota, como na gran maioría dos 50 estados dos Estados Unidos de América, a policía emprega técnicas de detención de máximo risco para as vidas dos detidos, a do xeonllo no pescozo é unha delas e coa morte de Floyd comprobamos que é letal. Porén, é moi difícil que un policía dese gran (en extensión e en poboación) país resulte nin sequera acusado de asasinato, e que case nin sexa acusado de delitos menores; gozan de tal inmunidade que boa parte da sociedade considera que son potencialmente asasinos amparados pola lei. Se o conflito é cunha persoa de raza negra, ou mesmo con calquera raza que non sexa a branca, mal asunto. Por sorte, nesta ocasión, debido á presión social, o policía que matou a Floyd vai ser xulgado por asasinato.

Dende que ese país de norte América existe como tal, os episodios racistas son constantes, diarios, porque aquela sociedade branca é maioritariamente racista por definición. A solución non é doada, porque o mais difícil de cambiar son as mentalidades, moito mais se quen comparte esas ideas é o propio presidente Donald Trump. So a forza, civilizada, dos movementos polas liberdades civís e a unión da sociedade, dunha sociedade tan singular e complexa, serán quen de loitar contra esa oligarquía racista que conta con millóns de seguidores entres os brancos republicanos, algúns demócratas, e todos os militantes da asociación nacional do rifle. Xaora, todos eses racistas son netos ou bisnetos daqueles que participaron no xenocidio das nacións indias durante o que eles chamaron a heroica conquista do oeste, un dos piares do estado autodefinido como das liberdades e das oportunidades na constitución escrita por todos aqueles asasinos.

O trauma existe nesa sociedade, unha sociedade que andará eternamente condenada polo que saben que fixeron os pais fundadores, sempre tras a procura da redención polo pecado orixinal, o dos seus fundadores, o dos seus netos, o da sociedade branca actual. So o recoñecemento da diversidade, a petición pública de perdón os indios, a devolución das terras que reclaman os nativos e creación dunha sociedade inclusiva dende as leis, será quen de aportar esperanzas. Cando se pida ese perdón, cando se asuma a culpa, as persoas de raza negra e as demais non brancas terán mais oportunidades de viviren en paz, sen medo á policía.

Namentres, a ignorancia campa ás súas anchas. HBO en Estados Unidos retira Foise co vento (Gone with the wind) da súa grella por ser, segundo eles din, unha película racista. De forma brusca, borran do mapa o Oscar á Mellor Actriz de Reparto que gañou Hattie McDaniel, a primeira actriz de raza negra que gaña a estatuiña, en 1940!!! Mais tanta crítica recibida fixo que recuaran e que a repuxeran “dentro dun contexto histórico”. Patéticos.

Unha obra que narra o que aconteceu nunha época, neste caso os tempos da escravitude e a Guerra de Secesión nos EEUU, non é racista. Racistas son parte dos personaxes.

Obra mestra do cinema, Foise co vento seguirá estando entre as cinco mellores películas da historia do cine moitos anos máis, mal que lle pese os ignorantes, brancos ou negros.

Racista foi a dobraxe que se fixo da persoanxe de Hattie McDaniel en España.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *