Hai lume na biblioteca! Lembrámolo hoxe… o día do capitán.

Hai lume na biblioteca!

Para min, dende o punto de vista persoal, o 22 de maio é un día de perda, de orfandade e, co paso do tempo, de lembranza dun ser marabilloso que marchou demasiado cedo, demasiado novo, e con moitas cousas por me aprender. Cando me lembro del, sinto un palpito de alegría.

Umberto Eco

Mais hoxe, varios anos mais tarde, ao que lembro e  a  Umberto Eco, quen marchou con 84 anos de idade  e unha obra como intelectual, investigador e narrador, fora de toda dúbida, un 19 de febreiro de hai catro anos. Teño moito interese en ler a súa xa derradeira novela, publicada poucas semanas antes do seu pasamento, titulada “Número cero”. Segundo contara nunha entrevista a axencia EFE, é unha novela que fala sobre o xornalismo do noso tempo. Nas súas palabras, antes as noticias facían un periódico, agora é o xornal o que fai as noticias.

Como observador do que acontece e de como se conta, levo un tempo agardando para iniciar unha serie de artigos sobre o xornalismo na actualidade. Vouno facer, a devagar, con exemplos relacionados coa cultura, co cinema, coa televisión e coa literatura. “Número cero” aparecerá cando o teña lido. Como tamén vou afondar nunha serie de televisión extraordinaria sobre o mundo das noticias en televisión titulada “The Newsroom”, ou na que nos conta como foi creada a canle de noticias de tv FoxNews, “The loudest voice“,  e do papel do seu creador, condenado por acoso sexual e manipulador, cun Russell Crowe espectacular no papel de Roger Ailes, que foi quen de morrer deixando ao mundo un presidente de Estados Unidos tan sumamente rico como ignorante, lerchán e  bravo, chamado Donald Trump.

Nunha das series, alguén dicía que se se declaraba xornalista republicano, dos republicanos dos Estados Unidos, non confundir, podía informar sobre o que fixeran os demócratas, o partido rival, pero non criticalos porque defendían as súas ideas, co que so podía preguntarse se eran boas ou non. Mais cando falaba dos republicanos, ademais de informar podía pegarlles nos fociños se cría que ían errados ou por mal camiño. Iso é, dalgún xeito, ser honesto.

No Estado no que vivimos, con tantos países dentro, boa parte da prensa, algunha de titularidade pública, so prende lume para criticaren o que fan os que pensan diferente. Por iso, convén ler prensa independente, habela haina, por iso convén escoitar a radio non como años que seguen como parvos a fulano de tal, a fulana de cal, sen contrastaren o que din, escoitando por veces aos que están noutras emisoras; e que vou dicir das televisións, que podo dicir!!! Que fagamos o mesmo para estarmos informados, xa que semella que cada unha so informa do que lle sinte ao seu amo, lede intereses empresariais, políticos, económicos, relacionados coa publicidade…

Namentres, honremos a Eco. Como? Con caldeiros de auga e con mangueiras que nos permitan salvar do lume “El nombre de la rosa”, “El péndulo de Foucault”, “La isla del día de antes” ou calquera dos seus libros que non lin, como  “Número cero”. Honrémolo procurando o bo xornalismo, informándonos en diferentes medios, sendo críticos con nós mesmos e cos medios que nos informan, ou non,  e respectando a opinión dos demais.

Haberá xente que se decate de que hai noticias que non o son , ou que se pode manipular dende calquera espazo?

Oh, capitán, mi capitán… Magoa que o teu autor fose un defensor do xenocidio dos nativos das nacións, das Primeiras Nacións do que dende hai douscentos anos chamamos Estados Unidos de América.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *