Neste maio: Ricardo Carvalho Calero

…Mais o estilo dos seus grandes álbuns, tanto Nós como os inspirados pola Guerra Civil, sunponhem um avanço, ou umha inmersom, na estética do expressionismo, tam natural num cultivador da caricatura e do deseño satírico, e tam interessado en Bosch, Brueghel e Huys na sua viagem a Bégica de 1921, sem esquecer os evidentes contactos con Goya.

Semellaba meter medo, mais nas distancias curtas era de moi bo trato. Ricardo Carvalho Calero tivo que esperar 30 anos para que lle dedicaran o Día das Letras Galegas, e so houbo un motivo para tan longa demora: defender as correntes etimoloxistas da lingua galega, as que obviamente emparentaban máis o galego co portugués que co español, algo que despois pasou a denominarse reintegracionismo, palabra maldita para o establishment dos anos oitenta e noventa do século pasado. O seu compromiso causoulle innumerables confrontacións dialécticas e académicas que transcenderon o lingüístico para  se instalaren no persoal. Todo isto contado moi por riba.

O caso é que, paradoxos da vida, as diferentes revisións lingüísticas da Normativa da Lingua Galega foron, paseniñamente, incorporando moitos dos elementos defendidos por Carvalho Calero. Inventou palabras, quen non, algunhas delas están na memoria de moitos, como “televexo” (televisor) ou “rubidoiro” (ascensor). Ollo, que a verba “rubir” aparece até nos versos de Uxío Novoneyra.

Lin a Carvalho Calero hai moitos anos. Aprendín moito cos “Escritos sobre Castelao”, “Do galego e da Galiza”, libros publicados por Sotelo Blanco, a súa editorial refuxio dos últimos anos.

Ricardo Carvalho Calero, como creador, como poeta e narrador, e tamén como profesor estudoso do idioma e da cultura galegas con numerosos ensaios publicados, merece por fin! Ser honrado co Día das Letras Galegas. Quixo o destino que cadrara no ano da pandemia polo covid-19, co que case que a totalidade dos actos na súa honra foron suspendidos ou adiados. Porén, quizais o confinamento fixera que algúns releran a súa obra, é o meu caso, e outros se achegaran por primeira vez aos seus poemas e á súa narrativa.

 

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *