O porto de San Blas

O porto de San Blas.

Paraísos perdidos? Non. Paraísos vividos. 

Neste lugar remata a miña novela “Las luces del norte”. San Blas é unha pequena localidade do Estado mexicano de Nayarit bañado polo océano Pacífico. Alí aínda quedan restos da presenza española nunha época que ocupou o último terzo do séc. XVIII, cando San Blas pasou a ser a base do Departamento da Mariña Real Española máis setentrional de América, nun momento de importancia histórica relevante porque dende aquel porto partiron as máis destacadas expedicións de descubrimento da Costa Noroeste de América, as que tiveron como meta exploratoria os bastos territorios costeiros que ocupan o que hoxe coñecemos como os Estados de Oregon e Washington, nos Estados Unidos, a Columbia Británica do Canadá e o territorio de Alaska. Dende o porto de San Blas partiron expedicións comandadas ou participadas polos galegos Mourelle de la Rúa e Jacínto Caamaño, e por Malaspina, Bodega y Quadra, Bruno de Heceta, Ignacio de Arteaga e algúns máis.

San Blas conserva os restos da Casa da Contaduría e da igrexa do Rosario e tamén, preto do porto, os muros da Casa de Aduanas. Polo demais, casas de planta baixa, encaladas, urbanizadas en cuadrícula, con rúas que ou levan cara a praia El Borrego, en pleno Pacífico, ou cara o peirao localizado no esteiro El Pozo.

A auga do mar ten temperaturas elevadas pero permite ao viaxeiro refrescarse  da calor húmida que pega a roupa ao corpo. Convén nadar como nadan os naturais, con camiseta, para non ser furado polos mosquitos, xa que o territorio que rodea San Blas é pantanoso e hai lamazais por todas partes. Resulta fermoso nadar vendo como sobrevoan por riba de un os pelicanos que andan á captura de peixes cos que alimentárense. Neste peirao agardou anos polo seu amor a tola, Rebeca Méndez; amor tráxico por un mariñeiro que foi de pesca catro días antes do casamento e que nunca regresou a casa. Tristura e dor reflectidos na canción de éxito do grupo mexicano ManáEl muelle de San Blas”.

Na praza da vila celebran os mercados, mais os nativos das nacións que sempre ocuparon aqueles territorios, moito antes da chegada do home branco, poden manter abertos os seus postos de artesanía todos os días. Da gusto sentir como son os máis novos, os que van á escola onde aprenden o español, quen traduce aos maiores o pedido, xa que conservan os seus idiomas nativos.

 

O meu amigo Victorino e mais eu, para aliviar a sede, bebemos seis grolos de cervexa de tres cervexas diferentes sacadas do conxelador polo camareiro. O primeiro grolo era puro xeo, o segundo grolo de cada cervexa sabía a gloria e o terceiro estaba quente. Había que pedir outra cervexa.  É un lugar con moito encanto, con boa comida, con mellor xente.

O sábado 22 de febreiro de 2020 emitiuse, na Radio Galega, unha entrevista en formato  reportaxe que me fixo Isabel Freire na sección de viaxes do programa Galicia por diante que na fin de semana dirixe Victoria Rodríguez. Nesa entrevista falamos de San Blas e das miñas experiencias nas viaxes que realicei a tan fermoso lugar. Se premes no seguinte enlace poderás escoitar a entrevista.

http://www.crtvg.es/rg/destacados/galicia-por-diante-fin-de-semana-galicia-por-diante-fin-de-semana-do-dia-22-02-2020-4313756?t=406

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *