Outras letras, outros maios, Novoneyra.

RUBIR e baixar do ruxir do río!

Esquécioo ollando o camiño.

Poza en ondas!

Ollo o ollo que olla e non olla…

CHOVE

Non sein desd’onde nin pra onde…

No quedo da tarde

Ollo longo nembrando choivas d’antes.

 

Lembro a Uxío Novoneyra  como un poeta polo que eu tiña un afecto especial, penso que recíproco porque así mo demostrou en contadas ocasións. Traio o gran poeta galego, o poeta do Courel,  a esta reflexión porque xa estamos na semana das letras galegas, semana que vai ter o seu punto álxido o vindeiro domingo, 17 de maio, Día das Letras Galegas que este ano están dedicadas a Ricardo Carvalho Calero, e non foi sen tempo.

Amais de moitas noites de versos entre viños compartidos con outros amigos das letras, da literatura, lembro con especial ilusión o primeiro programa especial que  fixen dedicado ás Letras Galegas, un ano no que o mindoniense Leiras Pulpeiro fora o homenaxeado. Naquel programa especial de radio, na radio privada Ondas Galicia, hai moitos anos desaparecida, so tiven un convidado, Uxío Novoneyra. Pasamos tres horas falando de poesía, de Leiras Pulpeiro, do Mariscal Pardo de Cela, da importancia das Letras Galegas nunha Galicia en plena transición democrática, nunha Galicia espertando dun longo silencio. Certamente, tamén falamos do Courel e da obra “Os Eidos”, magno canto na nosa lingua que lle valería ao autor, a Uxío Novoneyra, o recoñecemento en vida e o Día das Letras Galegas de 2010. Lembro, asemade, a xenerosidade de Edicións Xerais de Galicia e da Editorial Galaxia por poñer ao meu dispor trinta ou corenta libros para rifar aquela noite de letras entre os oíntes.

Como dicía, no 2010 as Letras Galegas estiveran dedicadas a Uxió Novoneyra; daquela, eu coordinaba e presentaba o cultural Eirado, na segunda canle da TVG, e fixera un fermoso especial, fermosos polos convidados e polo poeta protagonista, dedicado o poeta do Caurel.

Na miña biblioteca teño un apartado especial, teño un andel dedicado a libros especiais, non chegan a cincuenta, libros que van máis alá de seren extraordinarios, libros regalados por algúns autores ou autoras, libros regalados pola xente que quero e me quere, libros con corazón. “Os Eidos” de Uxío Novoneyra é un deles.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *