Portugal é un país grande, moi grande.

 

PORTUGAL É GRANDE

En certa ocasión, un amigo portugués, coa seriedade que lle caracteriza e co humor que non lle falta, dixo: Portugal é un país moi pequeno, pero se máis grande fora o mundo máis grande sería Portugal.  Isto é unha brincadeira, porque como algúns saben, e moitos están a descubrir estes días, Portugal é grande porque a súa xente é grande.

Nestes tempos no que o mundo non medra senón que encolle, foron os políticos portugueses os que deron dúas leccións, ou tres, ou máis, que xa non sei.  Puxeron as súas barbas a remollo cando viron que italianos e españois estaban sendo afeitados, peche de estradas, confinamento, seguridade pública. Deron un golpe na mesa virtual da Unión  Europea (virtual?)chamando polo seu nome a cada un dos dirixentes dos países que miraban por riba do lombo aos demais, apoiando aos que máis sofren, a nós. A oposición de centro dereita e dereita apoiou totalmente e sen condicións ao goberno, así cometeran erros, que tamén os cometeron porque son humanos e se equivocan. Como aquí non?

Mais claro, eles foron quen de facer unha revolución,  a Revolución dos Caraveis, democrática, primaveral, pacífica e eficaz, tal día como hoxe, o 25 de abril de 1974. “Grándola vila morena” e o Zeca Afonso nas radios e milleiros de caraveis nos fusís dos militares que, apoiados por unha inmensa parte da sociedade civil, foron quen de destituír ao ditador.

Durante décadas, por non dicir case sempre, dende este lado da raia mirouse a Portugal como quen mira algo inferior, de segunda, sendo eles valentes, educados, formados e emprendedores. Nos, para saber como somos, so temos que mirar para os líderes de todos os partidos estatais, os que están no goberno e os da oposición; somos así, mediocres como eles, somos criticóns e protestóns, tirando a pedra e agochando a man. Somos cobardes, porque so berramos pero non facemos nada positivo.

Como moita outra xente, son quen de ver os erros do goberno, que non son poucos,  pero hai que estar co goberno, ou tedes algunha alternativa mellor? Xa haberá tempo, cando isto pase, de poñer a cada quen no seu sitio, de cambiar a quen faga falta. Haberá tempo tamén para que decidamos se esa xentiña que lidera os partidos de oposición terá que deixar a política e dedicarse a outra cousa; está claro que para isto non valen. Estamos na peor crise dende a guerra e todos contra todos en vez de facer fronte común contra un inimigo que non entende nin de ideoloxías, nin de relixións, nin de cartos no banco.

Di a canción “menos mal que nos queda Portugal”. Se é que nos queren, porque damos peniña.

Portugal é un pais grande.

 

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *