Quen berra tan alto? The loudest voice

 

Quen berra mais alto?

Gústame aproveitar a ficción, inspirada en feitos reais, para analizar, repensar, entender, e cuestionar o que temos arredor de nós. Desta volta, vou falar da miniserie “The loudest voice (A voz mais alta)” , inspirada no libro “The loudest voice in the room” de Gabriel Sherman.

Nesta historia hai dous conflitos importantes, como o feito de berrar moi alto aínda que sexa unha mentira, ou sobre todo se é unha mentira, un rumor ou un bulo, acaba por converter en “verdade” algo que non o é, simplemente polo feito de que berrando tan alto, vai haber xente, esa xente desfavorecida polas políticas ultra liberais, neoconservadoras, que practican economías de mercado implacables na procura de beneficios rápidos antes que as boas condicións laborais, dicía que esa xente vai crer que os seus verdugos son os seus salvadores, polo mero feito de que lles din a gritos o que eles queren escoitar. E lles creen!! O outro conflito, nada menor, é o do acoso e abuso sexual permanente do protagonista da serie, un Roger Ailes magnificamente interpretado por Russell Crowe, sobre as presentadoras, xornalistas e mulleres que traballaban para el, sobre todo na época na que puxo en marcha a cadea de noticias Fox News do magnate británico Rupert Murdoch, (o mesmo que daquela contratara o expresidente do goberno español José María Aznar como asesor do seu imperio de noticias).

Ailes foi quen de converter a cadea Fox News nun aparato de propaganda en favor do Partido Replublicano dos Estados Unidos. Coas tendenciosas e moitas veces falsas mentiras que divulgou como se foran noticias reais, procurou o desprestixio da administración presidida por Barack Obama e conseguiu que un mequetrefe, nin sequera respectado polos membros do seu partido, un charlatán, un home de ocorrencias, chamado Donald Trump acabara sendo presidente dos Estados Unidos.

Aquí, no territorio que nos ocupa, que non é so Galicia, falo de toda España, tamén hai medios que berran moi alto, con xornalistas que asisten a parladoiros de radios e televisións coas consignas ben aprendidas, certas ou falsas, a berrar máis alto. Algo así fan dende a fundación dun expresidente salvapatrias. Algo así fan algúns políticos con cargo que gobernan a golpe de ocorrencias e de arroutadas, facendo que os seus correlixionarios, mais serios, mais respectuosos, leven as mans á cabeza cada vez que falan.

Ver esta miniserie, pode axudar a comprender como se manipula nalgúns medios.

Sospeita de quen che di, dende a política, o que queres oír e busca opinións noutros medios que non sexan so os que che alegran o oído. Leamos e informémonos cos que pensan diferente, para evitar sermos enganados.

Aquí hai moito medio que berra. Outros non berran pero so contan o que canta a voz do seu amo.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *