Ricardo Carvalho Calero

 

Se tu tamém te consideras pó,

Ainda que sejas umha formosa flor,

Une-te a mim.

Amar-nos hemos nidiamente, sem

A  vaidade daqueles que se crêem

Flores e som pó como tu

Te crês, ainda que sejas flor.

Reticências…

(1986 – 1989)

Como en todo na vida, hai querenzas intuitivas que un non é quen de saber cal é o seu fundamento. Desas querenzas, algunhas, con sorte moitas, vanse confirmando co paso do tempo como intuicións acertadas. Para min, Ricardo Carvalho Calero resultou ser unha querenza, non sabía por que pero empecei a ler a súa obra, e a cada liña aquela querenza se confirmaba, se facía máis grande.

Nesta homenaxe merecida que se lle fai hoxe a este escritor, Día das Letras Galegas do 2020, se agocha un home que loitou, literal (na Guerra Civil) polos seus principios e pola Democracia, pagou un prezo moi alto por telo feito, anos de cadea, inhabilitación para dar clases, etc. Porén, foi quen de sacar enerxías das adversidades para converterse nun dos grandes estudosos da Lingua Galega, para deixar escritos poemas sublimes e para agasallarmos cunha obra como Scorpio, unha das mellores novelas galegas do século XX, Amén dos seus magníficos traballos, ensaios, sobre lingua, lingüística, e sobre Galiza e os galegos, tal como reflectín na entrada de onte sobre a súa figura neste blog.

Resulta paradoxal que un dos homes máis salientables  do galeguismo teórico e práctico e das letras galegas, tivera que agardar vinte anos  de máis para ser honrado co  Día das Letras Galegas. Por iso, hai que celebrar que a Real Academia Galega fose quen de darlle máis gloria e recoñecemento neste ano 2020. Resulta, asemade, paradoxal, que as circunstancias quixeran que o seu ano, o de Ricardo Carvalho Calero, fose o do confinamento polo covid-19, co que boa parte das homenaxes e das publicacións arredor da súa figura resultaron, asemade, adiados ou confinados definitivamente. Se isto do covid-19 se vai arranxando, teño as miñas dúbidas a curto prazo, e o ano que ven, o 2021, chega con máis normalidade, propoño que Carvalho Calero comparta afectos e honras públicas con sexa designado, home ou muller, para o vindeiro ano.

Ricardo Carvalho Calero era todo humanidade. Foi un incomprendido porque era adiantado ao seu tempo. Hoxe, non sería tan cuestionado. Hoxe, a Academia recoñece, debe facelo, que moitas das súas leccións, era profesor, eran as correctas.

Se aínda non leron a Ricardo Carvalho Calero, non esquezan como imprescindibles “Reticências” e “Scorpio”, poemas e narrativa. Se queren saber máis sobre el e sobre nós, calquera dos seus ensaios será unha aposta acertada.

Eterno, imprescindibel!!!

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *