Suzanne e o río da vida

For she’s touched your perfect body with her mind

Suzanne estaba nos nosos soños moito antes de que as nenas “pijas” secuestraran aquela canción, diría que existencialista, para convertela en romántica “progre”. Unha relación de amizade entre Leonard Cohen e unha muller canadense, como el, e os pousos do te que tomaron na casa dela, serviron de argamasa para un poema que se convertería en canción, en fermosa canción, na que cabían amargura, esperanza, a vida en forma de río San Lorenzo, a nenez e o calor da man da muller que che guía.

Suzanne, antes de coñecer o que dicía a letra da canción, so era unha melodía, fermosa melodía, que incitaba á nostalxia nas vidas aínda demasiado mozas como para coñeceren o verdadeiro significado da morriña, máis alá do namoramento. Suzanne, era a moza soñada, a que tería que aparecer, a que nos guiaría cara o estremecemento, o da paixón e o do desamor pola perda.

Cohen cantaba en Canadá e nos Estados Unidos. Canadá non, pero os veciños recibían, na segunda metade dos anos 60 do séc. XX, milleiros de cadaleitos cada ano cos corpos dos soldados que combatían en Vietnam contra os que non os querían alí, contra os comunistas do norte. Suzanne quería que rematara aquela matanza sen sentido. Suzanne, todas as Suzanne, querían sentir o río da vida en paz, vendo como tamén arrostraba lixo, pero en paz, cun futuro de certezas para os seus fillos. Suzanne era e quería ser esperanza.

Os veciños do sur, os que propiciaron as matanzas raciais de 1968, os que asasinaron a Martin Luther King o 4 de abril de 1968, os que asasinaron a Robert Kennedy dous meses e dous días máis tarde, os que acusaron, con razón, ao presidente Lyndon Johnson de mentir sobre Vietnam, os mesmos que diante dunha crise bélica no exterior e democrática no interior fixeron presidente a Richard Nixon, tiveron que agardar case que unha década para ver rematada a guerra, unha guerra que, dalgún xeito, vivimos todos.

As malas decisións dos cidadáns en épocas de crise poden levar a situacións aínda máis complicadas.

Suzanne non quería iso. Non o quere hoxe. Seino porque sinto a calor da súa man cada vez que me guía…  a ver o río.

 

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *