Un amigo ilustrado en Alaska

 

Lembranzas confinadas de paraísos vividos.

Nunha das viaxes que fixen pola Costa Noroeste de América fun parar a Anchorage, a cidade máis grande de Alaska. No aeroporto estaba agardando por min un leonés que   nacera entre as montañas que van dar a Riaño, nunha pequena vila chamada Valle de las Casas. Nese territorio leonés, a neve forma parte da paisaxe invernal e as temperaturas extremas do inverno poden chegar aos 12 graos baixo cero. Quero supoñer, o que non deixa de ser un atrevemento, que o meu amigo Arsenio, que así se chama, non pensaría de neno que ía pasar boa parte da súa vida en Alaska, onde as temperaturas no verán, antes do cambio climático, dificilmente chegaban aos 10 graos sobre cero.

O caso é que, dalgún xeito, contactei con Arsenio Rey Tejerina na University of Alaska-Anchorage. E alí estaba, no aeroporto, agardando por min. O caso é que, despois de deixar a equipaxe no hotel que tiña reservado no centro da cidade, marchamos a cear con outros amigos nunha velada que chegou ate a media noite, que non era, estabamos no verán boreal.

Nas conversas que mantivemos durante aqueles días nos que parei naquela parte de Alaska, falamos da súa teima: a presenza histórica española na Costa Noroeste de América. No seu despacho, na Universidade, tiven ocasión de consultar varios documentos sobre aquela presenza, mapas e copias de arquivos realizadas en bibliotecas de universidades de California, México e a Columbia Británica do Canadá. Como profesor de español especializado na literatura española do “Siglo de Oro” foi parar a Anchorage para dirixir o departamento.

Foi alí onde se decatou da cantidade de topónimos casteláns que hai en toda a costa noroeste, dende a illa de Vancouver ata Alaska. Iso fixo que quixera pescudar o por que. O resultado foi coñecer a presenza española no “descubrimento” para occidente de aquelas costas, de aqueles territorios. Froito das súas investigacións, o profesor Rey Tejerina publicou en 1993 un pequeno pero moi interesante libro titulado “Alaska – Nutka Colofón del Imperio Español” no que conta a historia do asentamento de Nutka e de aquela presenza de mariños españois navegando hai máis de douscentos anos por aquelas latitudes.

Con Arsenio teño ceado moi ben en Alaska e compartido experiencias con outros alascanos entrañables. Arsenio figura como personaxe importante na miña novela “Las luces del norte”.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *