Unha portada exemplar: The New York Times 24-5-2020

Portada histórica

Sen desmerecer a ningún outro medio, teño unha querenza especial dende que era rapaz, polo The Washinton Post, un xornal durante moitos anos familiar, da cidade que lle da nome, con tirada circunscrita a un territorio determinado, que non é de tirada nacional como outros xornais estadounidenses. Ben seguro que a querenza ten moito que ver por como foron quen de recoller a privación de liberdade á que fora sometido The New York Times en 1971 cando publicara os arquivos segredos do Pentágono sobre a Guerra de Vietnam e, asemade, porque unha vez botado aquel pulso contra a tirana e corrupta administración de Richard Nixon, foron quen de permitir que dous mozos xornalistas da redacción tirasen do fío do que semellaba un roubo nas oficinas do Partido Demócrata no edificio Watergate da capital.

Os tempos mudaron, as persoas son outras, o xornalismo tamén mudou, tanto no xeito de chegarmos á xente, aos lectores, como na maneira de contarmos as cousas. Porén, a pesar de que moitos medios de países de occidente toman partido, segue a haber clases maxistrais de xornalismo que traspasan fronteiras. Un gran exemplo é a portada de hoxe, 24 de maio de 2020, o ano do Covid-19, do xornal The New York Times.

O titular é ben sinxelo: Estados Unidos preto dos 100.000 mortos, unha perda incalculable

Toda a capa do xornal son nomes e apelidos de mortos en Estados Unidos por mor do Covid-19.  Non se trata de cifras, de números, de estatísticas, de recontos, de datos. Case que todos os xornais galegos e españois levan semanas abrindo as portadas cos datos estatísticos nas cabeceiras. The New York Times nomea a cada persoa morta, porque, como na guerra, cada un dos mortos é unha gran perda, unha vida que se vai, unha familia que sufre, un proxecto truncado, unha historia infinita. Por iso, o meu recoñecemento aos editores de The New York Times pola portada e por escribiren un xornal para as persoas, para cada un dos seus lectores, moitos deles seguramente xa están na lista que publican na portada de hoxe.

A bo fe que hoxe na Casa Branca, a mais de un se lle atragoou o almorzo. De seguro que houbo gabinete de crise para desprestixiar o xornal. Absolutamente seguro de que lles doeu. A quen doe de verdade, é aos lectores que, de certo, buscarán os nomes dos amigos e dos seres queridos coas bágoas escorregando polas meixelas.

Xornalismo de elite. Xornalismo para que a xente se informe, lea, se sinta representado polo xornal que ten na man ou que segue na versión dixital por Internet.

Aquí, algúns informan, como dixen noutro artigo hai que ler varios xornais, outros son palmeiros de tendencias políticas determinadas, case todas de dereitas. Nos temos un goberno en España que toma decisións e comete erros, tamén acerta, e unha oposición que poderíamos definir como un bloque, que so protesta e bloquea. Certa incompetencia fronte a absoluta ignorancia.

O meu aplauso e o meu recoñecemento, unha vez mais, ao xornal The New York Times.

Add Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *